DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Campus de Pontevedra
Venres, 24 de marzo do 2017

O profesor de CCSS e da Comunicación Alberto Pena exerce como profesor visitante na Brown University

Tralas pegadas da propaganda salazarista desde unha das principais universidades de EEUU

Investiga a incidencia neste país das campañas a favor e en contra da ditadura lusa entre 1930 e 1950


ImagePertencente á Ivy League, o club que aglutina ás principais universidades privadas dos Estados Unidos, a Brown University é unha das institucións académicas de referencia en Norteamérica, especialmente destacada no eido das humanidades e ciencias sociais. Un espazo pois idóneo para avanzar nun campo de estudo inédito ata a data, a actividade propagandística que o réxime de António de Oliveira de Salazar e a oposición á ditadura portuguesa desenvolveron nos EEUU entre as décadas de 1930 e 1950, no que actualmente traballa o profesor Alberto Pena, quen exerce nestes meses como profesor visitante nesta prestixiosa universidade.
Xoves, 23 de marzo do 2017

Alumnas e egresadas en Belas Artes protagonizan en Marín a exposición ‘Voilà la Femme’

Sete voces que reivindican o espazo da muller na arte

Comisariada por Celeste Garrido e Basilisa Fiestras, poderá visitarse no Ateneo Santa Cecilia ata o venres 31


ImageSete artistas forxadas na Facultade de Belas Artes reúnen nestes días no Ateneo Santa Cecilia de Marín unha serie de proxectos artísticos dirixidos a promover “unha reflexión en torno ás relacións existentes no binomio arte-muller, a reivindicar o seu espazo na arte”. Ese é o propósito central, explica Celeste Garrido, da exposición Voilà la Femme, que busca desde hai 24 anos dar visibilidade aos traballos de diferentes artistas. Desta volta, sete alumnas e egresadas da Facultade de Belas Artes, Sabela Andrés, Elisabel de Freitas, Gabriela Lusquiños, Lucía Romaní, Irene Romeu, Rebeca Solla e Sheela Tato.
Xoves, 23 de marzo do 2017

O campus acolle os días 19 e 20 de abril unhas xornadas internacionais de comunicación institucional

A imaxe das institucións centra o curso máis lonxevo da Universidade

Verase precedido polo III Foro do Consello Social, que analiza as relacións entre universidade e sociedade


ImageA imaxe que, a través dos seus actos, trasladan á sociedade institucións como a Presidencia do Goberno, o Parlamento de Galicia ou as reais academias serán un dos focos de análise das VI Xornadas Internacionais de Comunicación Institucional e Imaxe Pública - XVII Curso Complementario de Comunicación e Protocolo, que se desenvolverán os días 19 e 20 de abril en CCSS e da Comunicación. Preto de 200 alumnos e alumnas participan cada ano, como sinala o seu director, Fernando Ramos, “na actividade complementaria máis antiga da Universidade”, que ten como obxectivo “comunicar aos estudantes co mundo profesional”.
Mércores, 22 de marzo do 2017

Os produtores Sergio Frade e Luisa Romeo presentaron ‘María (y los demás)’ en CCSS e da Comunicación

Augal achégase a unha produción de éxito en tempos de “desafección cara o cine español”

O filme vén de recibir o premio HBO á mellor película iberoamericana no Miami Film Festival


ImageDous nomeamentos na última edición dos Goya, cinco Mestre Mateo ou o premio HBO á mellor película iberoamericana no Miami Film Festival dan boa conta do camiño de éxito que está a percorrer nos últimos meses María (y los demás), o filme que este mércores centrou unha nova sesión da Máster Class Audiovisual Galego, Augal. Os seus produtores Sergio Frade e Luisa Romeo, de Frida Films, presentaron nesta xornada en Ciencias Sociais e da Comunicación unha película que “conecta moi ben co público”, a pesares de existir na actualidade “certa desafección cara o cine español”, como recoñece Frade, profesor asociado desta facultade.
Mércores, 22 de marzo do 2017

O prazo de presentación de solicitudes pecharase o 20 de abril

Aberta a inscrición nas probas de acceso a Ciencias da Actividade Física e do Deporte

O alumnado disporá de dúas oportunidades para superalas, o 25 de maio e 22 de xuño


ImageGarantir uns niveis de condición física, habilidade ou resistencia que permitan ao alumnado o correcto desenvolvemento das competencias que se adquiren no grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte é o propósito central das probas físicas de acceso á titulación que se imparte no campus pontevedrés. Ata o vindeiro luns 20 de abril permanece aberto o prazo de inscrición nunhas probas que constitúen un requisito previo para todos e todas as aspirantes a cursar esta titulación, aínda que será o expediente académico o que determinará finalmente quen pasará o vindeiro curso a formar parte do alumnado do campus.
Martes, 21 de marzo do 2017

Un achegamento á aprendizaxe servizo abriu as Xornadas Interdisciplinares de Educación e Deporte

Cando a formación tamén implica mellorar a sociedade

Nesta primeira sesión, Amigos da Terra incidiu na necesidade dun cambio de modelo enerxético


ImageAchegar ao alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte a diferentes aspectos que complementen á súa formación e ás experiencias de diferentes profesionais é o propósito central das Xornadas Interdisciplinares de Educación e Deporte, que este martes botaron a andar afondando nos beneficios da Aprendizaxe Servizo (ApS), unha proposta educativa que combina os procesos formativos co servizo á comunidade nun mesmo proxecto. Nel, o alumnado “aprende a traballar en necesidades reais da contorna coa finalidade de mellorala e, deste xeito, a aprendizaxe adquire sentido cívico”, salienta desta metodoloxía a profesora da USC María Fiuza.
<< Inicio < Ant. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seg. > Remate >>
Resultados 1 - 6 de 3149

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós